DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR '19

Dende 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e  a escritora Gemma Pasqual.
Pola súa parteo Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema "aptas para todos os públicos", co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.
As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA,  que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e  presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo. 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS.